luns, 8 de decembro de 2014

Bancos de recursos de balde

Déixovos o enlace a un artigo onde podedes atopar enlaces a bancos de recursos de balde que podedes utilizar nos vosos traballos.

http://www.cuadernointercultural.com/tic-tools/bancos-de-recursos-gratuitos/


domingo, 30 de novembro de 2014

Visita de Ledicia Costas

Mañá estreamos o mes de decembro cunha visita de luxo, vénnos ver Ledicia Costas.



Con ela teremos a oportunidade de compartir palabras sobre O corazon de Xúpiter.


Tes algunha pregunta para ela? Déixaa nos comentarios desta entrada.

Non esquezas o teu exemplar na casa!


sábado, 8 de novembro de 2014

Ficha do control de novembro 2014

Imaxe vía Xibarda.
Imaxe vía Xibarda.
POSIBLES CUESTIÓNS DA PROBA

-Dado un tema, realiza o esquema dunha redacción con todas as súas partes.
-Escribe unha oración con cada unha das seguintes palabras. Non esquezas que as túas oracións deben cumprir os 3 requisitos que utilizamos sempre: lonxitude de mínimo dez palabras sen contar os artigos; tense que poder deducir pola oración que coñeces o significado da palabra en cuestión; o rexistro debe ser formal, debe ser un enunciado que poida aparecer publicado nun xornal.
-Preguntas de teoría.
-Dada unha definición ou un sinónimo, escribe a palabra correspondente.
-Acentúa o seguinte texto.
-Acentúa as seguintes oracións e xustifica a presenza ou ausencia de acento gráfico nas palabras subliñadas.


LÉXICO
-Campo semántico das emocións e sentimentos (pp. 14-15)
-Campo semántico dos antropónimos (pp. 42-43)
-O teu nome e os teus apelidos.
-Campo semántico das partes do corpo (no blog da materia)
-Palabra do día (no Portal dasPalabras)
-Léxico da aula (recompilado no caderno individual da materia)

TEORÍA
-O alfabeto.
-Acentuación (pp.18-19, 46).
-Que é a Onomástica?
É a parte da lingüística que estuda os nomes propios.
-Que é a Antroponimia?
É a rama da Onomástica que estuda os nomes propios e os apelidos das persoas.
-Que é un alcume?
Denominación pola que é coñecida unha persoa que non é o seu nome propio.
-Que é un hipocorístico?
É a variante familiar dun nome.
-Indica cinco tipos de apelidos e sinala como mínimo un exemplo de cada un deles.
Patronímicos: proceden do nome do pai (p.ex. López)
Toponímicos: proceden dun nome de lugar (p.ex. Docampo)
De oficio ou profesión (p.ex. Ferreiro)
De alcumes (p.ex. Roxo)
Do mundo vexetal e animal (p.ex. Carballo, Raposo)
-Sinala 4 tipos de antropónimos?
Nome
Hipocorístico
Alcume
Apelido

luns, 27 de outubro de 2014

Partes do corpo

PARTES DO CORPO

Imaxe vía Fleshmap.

A CABEZA: o curuto; a cara, o rostro, a face ou a faciana; a fronte; a tempa, sen ou vidalla; a orella; o ollo; a cella; o cello; a pálpebra; a pestana; o iris; a pupila ou meniña do ollo; a fazula ou meixela; a bochecha ou o pómulo; o nariz; as ventas do nariz; a boca; o beizo ou labio; o dentame, a dentadura ou a dentición; o dente; o cairo; a moa (moa do xuízo ou moa do siso); a lingua; o padal ou ceo da boca; o veo do padal; a campaíña ou úvula; a gorxa; o queixo; a queixada (rexión da meixela que se corresponde coa mandíbula); a papada, o papo (papo da cara) ou a papeira; o colo ou o pescozo (non se pode utilizar pescozo para as prendas de roupa); a noz; a caluga ou noca.

O TRONCO: o ombreiro ou ombro; a axila ou sobrazo; as costas; a omoplata; o lombo (dende os ombreiros ata a cintura); o cadril (parte baixa a continuación do lombo, pl. os cadrís); o cu; a nádega ou cacha; a regaña do cu; o ano, o fecho ou o ollo do cu; o peito (xenérico); o peito, o seo, a teta ou a mama; a mamila ou o bico do peito; a aréola; o ventre ou abdome; o van ou a cintura; o embigo; a barriga; a cadeira; a pube; a vulva (coloq. a cona); o pene (coloq. o carallo): o testítulo (coloq. o collón ou o ovo).

O BRAZO: o cóbado; o antebrazo; o pulso; a man; o dorso da man; a palma da man; o coteno, cotelo ou cotobelo; a unlla; a xema do dedo; os dedos; o polgar, matapiollos ou cachapiollos; o índice, mostreiro ou furabolos; o corazón, maior ou pai de todos; o anular, mediano, medianiño ou dedo do aro; o maimiño ou pequeniño.

A PERNA: a ingua, éngoa ou virilla; a coxa; o nocello; a sofraxe; a canela; o papo da perna; o nocello, o noelo ou o tornecelo; o pé; a empeña; a deda; a planta do pé; o calcaño, o calcañar ou a calcañeira.

domingo, 5 de outubro de 2014

Benvida



Inauguramos este blog que nace como ferramenta para a aula de lingua e literatura galegas en 3º da ESO no IES da Pobra do Caramiñal no curso académico 2014-2015.